“Aprendendo a ladrar”- Olga Novo.

muller_traballadora

Como conmemoración do Día da Muller Traballadora pareceume axeitado poñer esta poesía de Olga Novo (Pobra do Brollón 1975) dedicada a súa nai e a todas as mulleres da súa xeración.

Está interpretada libremente polo grupo Xardín Desordenado, no Cd “Aprendendo a ladrar” (2015).

olganovook

Querida mamá: estou aprendendo a ladrar.

une saison en enfer. repite comigo Une-Saison-En-Enfer.
trinta xeracións de meu analfabetas Eu estou aprendendo a ladrar.
marcar un nunca territorio coa epiglote
coma un cadelo coma un can de palleiro
escadelearme ata volver en min en can entón pronuncio
Walt Walt
Walt Whitman mamá.

estou aprendendo a ladrar.
póñome de cu pró sol agárrome a unha aixada e
tento imitar o son do cuco do cuco de cu pró sol entón
a miña gorxa esprémese de dor
e oulan coma nunca os futuros posibles que nos fan esbombar as veas
coma unha pota de leite na lareira.

os ollos do meu amor levan dentro
o troupeleo dos chocallos uncontrautro uncontrautro
da novena sinfonía de Gustav Mahler
mamá.

e eu míroche prós ollos prós olliños estás tan cansa
pero eu non e aquí
é o intre da furia can
escoito con atención a campá de cris
tal dos teus soños incumpridos
coma unha escultura delicada de Brancusi
de Cons tan tín Brancusi.

unha vez e outra vez o corazón grandísimo
igual ca unha cerrota andoa o outono es ti ou ou ou loba
velaquí me tés bailando berrando choutando
unha mestra gutural un volcanciño gutural
coma Virginia Woolf coma Virginia Woolf coma Virginia Woolf.

eu míroche prás mans podería lamberche as cicatrices das mans
ata que deran luz
e curarche as hernias discais cun só verso alexandrino
cunha sílaba de centeo cru cun oh-là-là e despois despois
contar unha por unha as túas canas enraizadas nas idades do mundo
a túa lingua plantígrada mamá
podería mesmo reestructurarche a osamenta
co implante dunha canción anarquista.

ás veces sinto a dor sedimentándose
lámina
por
lámina
coma a pizarra:
é un esguince emocional chantado na caluga
e para ladrar así ás veces é preciso chorar iodo
abrir os xeonllos cunha gadaña ata ver o sol tan preto
a tres centímetros do iris
mamá
eu tiña que mamar da túa médula
asombrar o mundo cando che baixa a compaixón ás caries
e ós peitos
caídos
co cansazo.

para poder ladrar eu tería que rillar durante anos
a túa alerxia ó pó á peluxe dos chopos
a túa anemia circulando en sentido inverso polo sangue
tería que ir contigo enterrar ó teu irmán de vintesete anos e
apretar a meixela para non tronzar a lingua
coa súa tuberculose mamaíña.

ben sei eu que para poder ladrar
tería que ir contigo á miña infancia
e verme case morrer deshidratada
e pregarlle á virxe na que non cres
que me devolvera á vida de tres meses e medio
e soldarme no teu colo para sempre
coma unha peza de ferro do teu ventre.

non penses que non sei que para poder ladrar
tería que ir contigo ás derradeiras horas
da mamá Carmiña agarrada ás catro puntas do seu pano
e ó teu bazo.

ben o sei ben sei eu todo
que para eu aprender este ladrido
á fin fixeron falla
mil mulleres lavando a reo no río de Saá
e mil arando e dúas mil cosendo e cinco mil
apañando cozas e garabullos no medio do monte e Ti
sobre todo ti plantando pinos nun serragoto inmenso
desaprendendo canto es
esfuracando as túas dúbidas.

Querida mamá: estou aprendendo a ladrar.

alguén me ve abríndome a queixada ata que a fendo e digo xa
xa ladro ou coma o can non non
coma Camille Claudel coma Camille Claudel coma Camille Claudel
coma Camille mamá no mármore
coma Camille
coma Walt Whitman Walter Benjamin vou mamá
vou deica ti
vou eu vou
outa
outa
ouh…

A cousa vermella (2004)

Advertisements

3 comments on ““Aprendendo a ladrar”- Olga Novo.

  1. Esta é unha poesía surrealista, na que Olga Novo fálanos dos tremendos traballos que pasou a xeración da súa mai e xeracións anteriores de mulleres, sen facer nengunha protesta. Por eso ela, que tivo a oportunidade de estudar, está aprendendo a ladrar ( protestar). As persoas ás que fai referencia na poesía son rompedores e vangardistas.

    Liked by 1 person

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s